Friday 26 de April de 2024

A Xunta celebra que Cabo Ortegal sexa unha das candidaturas españolas a Xeoparque Mundial e garante o seu apoio a un proxecto “gañador”


— Do Campo subliña que a excepcional riqueza xeolóxica deste territorio foi o principal aval da proposta, que recibiu a maior puntuación das dúas escollidas este ano

— Lembra que o Goberno galego apoiou desde o principio a iniciativa e defendeu ante os órganos encargados da selección que se trata dunha “aposta gañadora” xa que reúne todos os requisitos para superar a deliberación do organismo internacional

A candidatura de Cabo Ortegal será unha das dúas propostas que elevará España este ano ante o órgano da Unesco encargado de decidir que novos territorios se incorporan á rede de protección ambiental de xeoparques mundiais.

Durante un acto convocado hoxe en Valdoviño para dar a coñecer a decisión, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, felicitou á Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal como promotora da candidatura, así como a todas as administracións que nos últimos anos se implicaron na súa defensa e difusión ata lograr que fora seleccionada oficialmente.

Neste sentido, a responsable autonómica lembrou que a Xunta avalou expresamente e desde o principio a proposta que aspira a converter esta zona no segundo Xeoparque Mundial da Comunidade —en abril de 2019 foi proclamado o Xeoparque Montañas do Courel— e comprometeuse a seguir brindando o seu apoio ata que se coñeza a decisión final da Unesco a un proxecto que considera “gañador”.

Así, Do Campo explicou que ademais de expresar o seu respaldo inicial á candidatura a través dunha carta, nos últimos meses a Xunta interveu en dúas ocasións ante o Comité Nacional Español de Xeoparques para defender os valores e puntos fortes que fan de Cabo Ortegal un territorio idóneo para integrarse na rede de xeoparques. De feito, subliñou que a excepcional riqueza xeolóxica deste espazo foi o principal aval do proxecto e a modo de exemplo, indicou que das dúas candidaturas finalistas —a outra é Costa Quebrada, en Cantabria— foi a de Cabo Ortegal a que obtivo a maior puntuación.

Por todos estes valores e tras lembrar que o proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal superou un duro proceso de selección no que competían catro candidaturas, Belén do Campo considerou que Galicia afronta a recta final cun proxecto sólido e con moitas garantías de éxito xa que cumpre todos os requisitos para superar a deliberación definitiva por parte da Unesco. “Estamos ante unha aposta gañadora”, dixo.

Por iso, a responsable autonómica indicou que o respaldo do Goberno galego a esta candidatura e ao recoñecemento internacional do potencial deste territorio localizado ao norte da provincia da Coruña tamén se plasma en investimentos.

Neste sentido, lembrou que o Xeoparque do Cabo Ortegal é un dos nove proxectos turísticos considerados aptos pola Xunta e o Goberno central para optar a 14,6 M€ dos fondos europeos Next Generation no marco da convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, o que lle permitirá modernizar e facer máis sostible a oferta turística do seu territorio, no que a xeoloxía actúa como elemento diferencial.

Así mesmo, Do Campo insistiu na importancia de seguir traballando para implicar activamente no proxecto aos distintos axentes sociais e á poboación local presentes neste territorio, un dos aspectos que máis valora a Unesco ao analizar as candidaturas.

Cómpre sinalar tamén que a zona incluída na proposta do Xeoparque do Cabo Ortegal conta cunha superficie de case 630 km2 e unha gran riqueza e variedade xeolóxicas. A declaración como Xeoparque daríalle un pulo definitivo a estes valores, abrindo novas oportunidades para garantir a dinamización social, cultural, turística e económica da súa área de influencia, que abrangue sete municipios e suma unha poboación de máis de 28.000 habitantes.

Ademais, este novo recoñecemento engadiríase ao resto de distintivos de protección ambiental cos que xa conta: catro zonas de especial conservación, dúas de especial protección de aves, dúas áreas de protección Ramsar e dous humedais protexidos.

Próximos pasos
Tras a decisión do Comité Nacional Español de Xeoparques, oficialízase a candidatura ante a Unesco de Cabo Ortegal, que poderá continuar a partir de agora co proceso de designación a nivel internacional. Así, España deberá informar das dúas propostas seleccionadas e remitir toda a documentación na que se detallan os traballos realizados ao longo das últimas décadas sobre eses espazos, así como a planificación prevista.

O próximo verán, avaliadores independentes visitarán ambas zonas e analizarán o grao de cumprimento dos criterios fixados pola Unesco para integrarse na rede mundial de xeoparques, o que sustentará a decisión final do Consello Executivo da Unesco, que se reunirá previsiblemente na primavera do ano 2023.